segunda-feira, 8 de outubro de 2012

sexta-feira, 14 de outubro de 2011

GRELO FOLC 2011




Presentado por Xosé Manuel Pereiro

SÁBADO 22 OUTUBRO ÁS 22.00

ONDAS MARTENOT (homenaxe a Lois Pereiro)

ORQUESTRA OS MODERNOS

OS CUCHUFELLOS

ESTIMABA QUE VIÑERAS


Un ano máis e como non podía ser doutra maneira a Asociación Cultural O ABORDELO organiza unha nova edición do festival GRELO FOLC.


Foi no 1995 cando en Monfero comezou a ruxir algo nas cabezas das súas xentes, algo que supuxera ir máis alá das festas patronais, das procesións e das orquestras que acaparan o panorama musical das aldeas do noso país. Foi neste ano cando se levou a cabo unha única edición do ousado e atrevido 24 horas rock Monfero. Unha sesión, dun día e unha noite ao completo, de música en directo.

Un ano despois, no 1996, organízase o festival folc Entre as rochas do Mosteiro, contando con grupos xa daquela coñecidos coma Os Cempés.

Aquí faise a primeira parada no tempo até o 1999, cando se organiza a Festa Folc do Río do Dez, onde se presenta o primeiro disco dos mitiquísimos PAPAQUEIXOS.


É no 2001 cando o festival se traslada definitivamente ao incomparábel marco do Mosteiro de Monfero e queda xa bautizado de por vida co nome do Grelo Folc, facendo así unha reivindicación do noso produto rei, que dá personalidade aceda e brava ás nosas xentes e á nosa paisaxe, reivindicando así o orgullo deste cachiño do país que é Monfero.

Polo Grelo Folc, sempre coa máxima de dar protagonismo á cultura nacional e aos grupos do país, que utilizan como non pode ser doutra maneira a nosa lingua, pasaron os RUXE RUXE, o JARBANZO NEGRO, ZENZAR, O LINHO DO CUCO, SERRALHE-AÍ, OS TRES TREBÓNS, A MAGNIFIQUE BAND e ULTRAQÄNS entre outros.

Foi no 2009 cando, co gallo de celebrar o X aniversario daquela memorábel festa do Río Dez, retomamos de novo o festival coa celebración especial do PAPAGRELO. Nesta ocasión puidemos disfrutar, por última vez na historia do ser humano e non tan humano, do arrexuntamento destes xa non tan rapaces coñecidos no universo enteiro e parte de Portugal: os PAPAQUEIXOS.



Comeza pois a conta atrás dez... nove... oito...!!!!!!!!!


VÉMONOS TOD@S EN MONFERO
!!!!

ONDAS MARTENOT




Ano Lois Pereiro. Ondas Martenot nace coa ansia de visualizar e homenaxear ao grande poeta de Monforte.

Son undergrounds, son transgresores, son provocadores, son vida, son morte, son amor, en definitiva son PUNKIS.

Os poemas de Lois Pereiro cobran protagonismo na música de Ondas Martenot, que se encargan de reinterpretar e loispereirizar cancións de Iggy Pop, Las Vulpes, Joy Division, etc





O grupo fórmano músicos de sobra coñecidos no noso panorama musical: Amil e Antón Papaqueixos, Cristina Asenjo do Sonoro Maxín e o homexou O Leo e arremecaghoná.


Deixámosvos con Lois Pereiro, que o disfrutedes!!!



ORQUESTRA OS MODERNOS



A claridade das lámpadas de cores, o cheiro a pólvora, o arrecendo das fiambreiras, até a geometria dos quadros dos manteis se levantam e brindam pola oportunidade dada ao "frotis" e ao "arrechuche" contagiada polos ritmos bailables da Orquestra "Os Modernos".

Como consequência da sua constante renovaçom e experiência atraves de tantas giras e viagens por Europa e América do Sur e do Norte, a Orquestra "Os Modernos" ofréce-lhes um repertório renovado de bailes como manda a última moda: fox-trot, baião, bolero, habanera, corrido, rumba, mazurca..., sem esquecer-se tampouco desses ritmos máis arcaicos e propios do nosso folclore como a moinheira ou a jota.

Os bailadores e bailadoras confidentes, senten-se protagonistas arroupados ao tempo que ilhados, ao estar a música exclusivamente ao servizo do seu baile.

Ninguem senta quando toca a Orquestra "Os Modernos"!







OS CUCHUFELLOS


Cuchufellos é unha banda multicultural afincada na República Independente do Macizo Central, formada por 10 músicos incontrolábeis, inconformábeis e inclasificábeis .

Trompeta, saxos, baixo, guitarra, acordeón e percusión son as súas armas de diversión masiva, que utilizan para cumplir a súa misión: facer de cada concerto unha festa.

Teñen tocado en numerosos festivais Galegos e e de fóra da Galiza (Barcelona ,Madrid, Burgos, Leon...) destacando a súa participación no Reperkusion, Revenidas, Demandafolk, Son de Meiga, e compartindo cartel con grandes nomes do panorama musical nacional galego.

En 2009 presentan ou seu último traballo Achegaivos fregueses, 11 temas en galego, que van dende os Balcáns até Manzaneda, nunha viaxe cargada de ritmos frenéticos.

O Cuchufellos estiveron xa con nós na edición especial do Papagrelo, acompañando no escenario aos míticos e xa desaparecidos Papaqueixos que, por un día, tiveran a Monfero como escenario da súa xuntanza.

Deixámosvos cunha memorable actuación do grupo na palloza do Chis en Balboa, no Bierzo, para que vaiades quentando motores:







ESTIMABA QUE VIÑERAS



O Grupo Folc “ESTIMABA QUE VIÑERAS” nace alá polo ano 2007 en San Xoan de Piñeiro, Mugardos.


A súa música é unha mistura de pezas de gaita tradicionais co poemario galego e propio do noso país todo isto acicalado cun toquiño rock que lle aporta carácter á festa.

Os compoñentes veñen de distintos estilos musicais, o que lle aporta diversidade ao repertorio.

Ante todo son un grupo de amigos que gostan da música do país.

Contan xa cunha ampla cantidade de actuacións entre as que caben destacar algunhas de relevancia: "FESTIFOLK SAN XOAN DE PIÑEIRO" en Mugardos, "FESTIVAL DA TERRA E DA LINGUA" no Muiño de Pedroso-Narón, "FESTIVAL ANTROSPINOS" en Taragoña-Riaxo, "FESTIVAL SOLIDARIO, UNHA MAN POR HAITÍ" en Pontedeume, no "FESTIVAL IRMANDIÑO" de Moeche e nun sinfín de actuacións en festas e sociedades culturais da nosa bisbarra.


A continuación podedes velos en directo:




segunda-feira, 29 de agosto de 2011