terça-feira, 20 de abril de 2010

OS COROS DAS IRMANDADES. Un xeito de vivir o País

A fotografía é de Cántigas da Terra no 1917 (recen creado o coro), no centro están Eladio Rodríguez, primeiro presidente, e Mauricio Farto, primeiro director, distínguense ben porque non levan traxe do País


Cando en 1883 bota a andar en Pontevedra o Coro Aires d’a Terra, Galiza inicia unha dourada etapa de rexurdimento musical de auténtico sentimento pola Terra. Visten o traxe do País e cantan melodías de inmenso valor patrimonial, creando unha estética única, respectuosa e dignifícante para coa nosa cultura. Deste xeito Aires d’a Terra salva por primeira vez o enorme baleiro entre a cidade e o campo, nos que xa se albiscan síntomas de esquecemento e menosprezo cara ao propio. O seu legado deu semente a un dos piares fundamentais da música galega de grande parte do século XX: os coros.

Coa creación das Irmandades da Fala, en 1916, o primeiro nacionalismo precisa pragmatizar os seus ideais de recuperación da identidade propia. Con tal fin promoveron a creación de coros e grupos de teatro por toda a xeografía galega. Nun contexto de emoción e creatividade, produto do amor pola Terra, xermolan o canto, o baile, o teatro, a poesía, a pintura... trátase dunha proposta que implica a case que todas as disciplinas culturais nun momento clave: os albores da globalización.

Ata o cruento golpe do 36, os coros mantiveron unha relación intensa coas Irmandades, primeiro, e co Partido Galeguista, despois. É por isto que na súa historia tomaron partido os máis insignes persoeiros galegos: Eladio Rodríguez, Leandro Carré, Antón Vilar Ponte, Ángel del Castillo, Camilo Díaz Baliño, Xaime Quintanilla, Vicente Risco, Manuel Abelenda, Leandro Pita Romero, Castelao... Ademais, foron os iniciadores da comedia en galego, pioneiros na incorporación das mulleres ás agrupacións musicais e, sen dúbida, constituíron a mellor ferramenta para recuperar nos entornos urbanos o canto na lingua propia.
A presente conferencia comprende os aspectos máis sinalados no proceso de creación dos coros e aborda, a través da historia de Cántigas da Terra, o seu desenvolvemento até a fin da II República.






MONCHO DO ORZÁN
Ramón Rodríguez Palleiro


Formouse no mundo da gaita da man de Raúl Galego e Ricardo Santos. Foi membro dos grupos “Barallete” e “Os Cataventos”, cos que percorreu boa parte do País, e vogal da Asociación de Gaiteiros Galegos nos anos 2004 e 2005. Actualmente é corista e vicearquiveiro do histórico coro “Cántigas da Terra” da Coruña e coordina o proxecto de posta en valor e recoñecemento do arquivo desta Institución. Colabora coa revista mariñana “A Xanela” na súa sección de folclore.






Nenhum comentário:

Postar um comentário